Saltar ao contido

Máis de cen persoas inscritas ás actividades do Filloa Cooking

As actividades incluídas no programa Filloa Cooking contan xa con máis dun cento de persoas inscritas. As propostas, que serán dirixidas polo chef José Manuel Mallón, desenvolveranse entre mañá e o venres 16 de febreiro no local social de Lestedo. Todas elas son de carácter gratuíto, previa inscrición.

“Con estas propostas, queremos achegar a versatilidade da Filloa de Lestedo a distintos colectivos”, explican desde a organización. “Ademais, o Filloa Cooking contará coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL)”, xa que nas distintas propostas culinarias se utilizarán produtos agroalimentarios galegos con distintivo de calidade e orixe, incluídos dentro das súas Experiencias de Calidade.  

A primeira das propostas desenvolverase mañá ás 17.00 horas, coa Escola Filloeira. O chef José Manuel Mallón achegará ás crianzas a tradicional elaboración das Filloas de Lestedo. A través de distintos xogos sensoriais, e máis específicamente gustativos, aprenderán cal é o sabor característico deste produto e como se pode combinar con distintos recheos. Para esta actividade, a organización conta con arredor de 20 nenas e nenos inscritos, que contarán tamén coa guía dalgunhas das filloeiras de Lestedo.

Receitas aptas para persoas con celiaquía

Dado o éxito que acadou na anterior edición, desde a Asociación da Filloa de Lestedo ofrecerán para este xoves 15 de febreiro o Lestedo sen glute. Trátase dun completo showcooking, desenvolvido en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), e que contará coa participación dos chefs Roberto Filgueira, do restaurante O Balado (cunha estrela verde Michelín e un Sol Repsol) e José Manuel Mallón. Esta actividade rexistrou novamente unha excelente acollida e, de feito, as 50 prazas dispoñibles están xa completas, habendo lista de agarda.

FilloaSenGluteAforoCompleto

Tomando como referencia as receitas de Filloas de Lestedo sen glute elaboradas o ano pasado (con fariñas como as de trigo sarraceno, millo, garavanzos, arroz ou castaña), elaboraranse diversos recheos que recordarán a pratos tradicionais galegos, mais aportando un toque de modernidade. Para a elaboración de ditas receitas, os chefs utilizarán produtos con DOP ou IXP como Mel de Galicia Ternera Gallega, Mexillón de Galicia, Grelo de Galicia, Tarta de Santiago ou produtos de Agricultura Ecolóxica, entre outros.

Showcoooking en lingua de signos

O programa finalizará o venres cunha proposta moi especial: a Filloa Accesible. Esta proposta preséntase como a gran novidade desta edición e ofrecerá un obradoiro e showcooking en lingua de signos. “Estendendo esta colaboración e procurando esa accesibilidade da nosa celebración, tamén o pregón da XLI Festa da Filloa de Lestedo contará con Intérprete en Lingua de Signos (ILSE)”, explican desde a entidade organizadora.

A Filloa Accesible, desenvolvida en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC), será tamén coordinada por José Manuel Mallón e incluirá unha parte da sesión centrada nas características específicas que definen a Filloa de Lestedo, así como a posibilidade de aportarlle diversos sabores.

Por outra banda, animarase ás persoas asistentes a aprender a elaborar e cociñar as auténticas Filloas de Lestedo nos filloeiros para despois concretar algunhas receitas de recheos sinxelas que poidan elaborar na casa. Esta actividade conta xa con arredor de 20 inscricións e aínda ten aberto o prazo para apuntarse.

Desde a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo agradecen a colaboración ofrecida tanto polo AGACAL, por integrar este programa nas súas Experiencias de Calidade, así como ao ACEGA e á APSSC, por animar ás súas persoas asociadas a participar neste tipo de iniciativas.

Skip to content Click to listen highlighted text!