ORIXES E HISTORIA
ORIXES E HISTORIA
A Festa da Filloa de Lestedo naceu en 1983 cando un grupo de amigos e amigas decidiu alongar o Entroido ata o Domingo de Piñata poñendo en valor un produto de gran arraigamento na zona. En todo momento, a implicación veciñal posibilitou que esta celebración se convertera en todo un referente no calendario gastronómico galego, superando, mesmo, fronteiras rexionais.
Nos seus inicios, a elaboración de filloas realizábase de modo tradicional, cos filloeiros. Trátase dunha especie de tixolas que se quentan con gas e que permiten elaborar entre 4 e 7 filloas á vez. Estas ferramentas combinábanse coa tradicional elaboración de filloas sobre laxa (ou á pedra).


Máis produción cas máquinas filloeiras
Co paso dos anos foi gañando adeptos e adeptas e incrementando o número de visitantes que se achegaban a degustar as Filloas de Lestedo. Isto levou a buscar medios para incrementar a produción desta singular sobremesa galega típica do Entroido. En 2004 estreouse a máquina filloeira, un singular dispositivo artesanal composto por un motor central eléctrico que fai virar os 40 filloeiros que cociñan, á súa vez, 4 filloas. Deste xeito, puidéronse elaborar ata 1.200 filloas á hora sen alterar a receita nin o método de elaboración tradicionais.
Cunha asistencia cada vez maior, a produción seguiuse incrementando coa posta en marcha dunha segunda máquina filloeira, de menor tamaño que a anterior. A última incorporación deuse nesta 40ª edición, xa que a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo adquiriu, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, unha máquina filloeira propia. Con capacidade para elaborar ata 800 filloas á hora, conta cunha forma rectangular e resulta máis cómoda para as persoas que participan na cadea de cocción destas sobremesas. Unha nova ferramenta que permitirá mostrar a elaboración deste produto en distintos lugares.
Máis aló da degustación destas sobremesas, a Festa da Filloa de Lestedo sempre incluíu na súa programación diverso tipo de actividades. Música, baile e o Entroido da Ulla contan cun protagonismo propio.
