QUE É?
QUE É?
A Festa da Filloa de Lestedo é unha exaltación gastronómica e cultural, cuxo día grande celébrase o Domingo de Piñata na localidade de Lestedo (Boqueixón-A Coruña). Esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Galego no 2008, pon o broche máis exquisito á época de Entroido.
A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo organiza, en colaboración co Concello de Boqueixón, este evento, que conta coa participación de máis de 200 veciños e veciñas da parroquia. A Festa da Filloa de Lestedo conta cada ano con máis visitantes e, para proxectala aínda máis, na súa 40ª edición incrementouse o programa de actividades a dúas semanas. Actuacións musicais, showcookings, degustacións, o tradicional Entroido dos Xenerais da Ulla, actividades infantís e as máquinas filloeiras -con capacidade para facer ata 1.200 filloas á hora- centraron a programación de 2023.
O Campo da Festa de Lestedo convértese, así, nun fervedoiro de miles de persoas que acoden a degustar diferente tipo de filloas acompañadas polos recheos máis variados. En 2023, incorporouse unha novidade, ca venda de filloas sen glute, especialmente pensadas para persoas celíacas.



Mandís de honra
Ca declaración de Interese Turístico de Galicia, a Festa da Filloa de Lestedo creou a figura dos Mandís de Honra. Entréganse tanto a persoas implicadas na celebración desta cita, ademais de a personaxes destacados da vida política, social e cultural galega e española. A súa tarefa é actuar de embaixadores e embaixadoras desta exaltación gastronómica alá por onde vaian.
Dende 2008, son cerca de 100 as persoas distinguidas cos Mandís de Honra da Festa da Filloa de Lestedo. Na 40ª edición, destacou o chef Estrela Michelin Manuel Costiña (do restaurante O Retiro da Costiña), que tamén fixo as veces de pregoeiro. Xunto a el, recibiron o Mandil de Honra representantes de outras festas da filloa máis antigas celebradas en Galicia (as de A Baña, Muimenta, Sada e Cerdedo-Cotobade), así coma o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, Emilio José de la Iglesia.
