Saltar ao contido

A cativada de Boqueixón aprende os segredos da elaboración de filloas no primeiro obradoiro do “Filloa Cooking”

Éxito de convocatoria na “Escola Filloeira”, a primeira actividade do programa de showcookings e obradoiros temáticos “Filloa Cooking” posto en marcha con motivo da XLI edición da Festa da Filloa de Lestedo.

Así, durante a tarde de hoxe, máis de vinte nenos e nenas déronse cita no Local Social do Campo da Festa de Lestedo para aprender os segredos da elaboración de filloas. A actividade consistiu na preparación deste doce tradicional do entroido, acompañado de recheos variados, a través de diferentes xogos sensoriais e gustativos especialmente pensados para a cativada. Como novidade, preparáronse tamén “bombóns de Lestedo”, cociñados con filloas deshidratas e chocolate fundido.

O obradoiro estivo conducido polo cociñeiro José Manuel Mallón, que contou co apoio das mestras filloeiras da localidade Natalia Cernadas, Carmen Mella e Fernanda Quinteiro, así como doutros integrantes da organización.  

Dous showcooking inclusivos darán continuidade ao Filloa Cooking

O programa de actividades do Filloa Cooking continuará ata este venres 16 de febreiro coa celebración de dous showcookings inclusivos pensados, en palabras de membros da organización da festa, “para achegar a versatilidade da Filloa de Lestedo a distintos colectivos”.

O primeiro deles terá lugar mañá a partir das 19:00 horas no Local Social de Lestedo, baixo o nome Lestedo sen glute. Un completo showcooking impartido polos cociñeiros Roberto Filgueira, do restaurante O Balado, e José Manuel Mallón; no que se elaborarán e degustarán receitas de filloas de Lestedo sen glute en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).

FilloaSenGluteAforoCompleto

O Filloa Cooking pecharase o venres, de novo ás 19:00 horas, coa Filloa Accesible, un showcooking en lingua de signos desenvolvido en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC). Este obradoiro tamén estará coordinado por José Manuel Mallón e, ademais de na elaboración de filloas e recheos, centrarase en dar a coñecer as características específicas que definen a Filloa de Lestedo e na posibilidade de aportarlle diversos sabores.

filloa accesible
Skip to content Click to listen highlighted text!