Saltar ao contido

Centos de nenas e nenos participan na Festa da Filloíña de Lestedo

Centos de crianzas achegáronse onte ao Campo da Festa de Lestedo para gozaren da Festa da Filloíña, nunha tarde chea de música, xogos, Xenerais da Ulla e Concurso de Disfraces infantil. Con esta xornada estrenouse o programa da XLI Festa da Filloa, que celebrará o seu día grande o vindeiro domingo 18 de febreiro.

A Festa da Filloíña deu comezo cunha sesión de xogos tradicionais para as crianzas asistentes. A continuación, ofrecéronse actuacións de distintos grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, aos que seguiron Os Campiños de Sarandón e as Travesas de Codeso. Crianzas e maiores demostraron que hai canteira para cunhas actuacións que combinaron a música e o baile tradicional galego.

ACMestreManuelGacioFilloiña

Seguidamente, chegou o momento da apertura oficial da celebración, co pregón, que, nesta ocasión, correu a cargo do alumnado de 4º EP do CPI Antonio Orza Couto. As nenas e nenos salientaron a importancia do Entroido tradicional da Ulla, o delicioso sabor das Filloas de Lestedo (cos seus variados recheos) e animou ao público a gozaren todas as celebracións incluídas no programa desta cita anual.

PregonFestaFilloiña

Entre aplausos e vítores, deuse paso aos seis atranques dos Xeneraliños e Xeneraliñas da Ulla. Lila, Anxo, Yaiza, Aitor, Antía, Nico, Martina, Enzo e Andrés fixeron rir cunhas coplas que satirizaban sobre temas de actualidade e sobre a rivalidade entre parroquias, tanto de Boqueixón -Lestedo e Sergude- como de Vedra -Sarandón e San Xulián-. Mais todas as batallas dialécticas finalizaron coa intención de asinar a paz tomando unhas Filloas de Lestedo, así como cos vivas pola Festa da Filloíña e por Boqueixón.

XeneralinhosDaUllaFilloiña

Preto de 50 propostas

Como merenda, desde a organización ofreceuse unha degustación de filloas doces para as crianzas, que fixo as veces de antesala para a celebración do Concurso de Disfraces Infantil. Foron preto de 50 as propostas de disfraces, tanto individuais como grupais, presentadas a este certame celebrado no Campo da Feira de Lestedo.

PrimeiroPremioGruposConcursoDisfracesFilloiña

Unhas coloridas propostas que foron valoradas por un xurado composto por tres mulleres da Asociación Veciñal de Lestedo. Entre os aspectos máis valorados, e que foron determinantes á hora de nomear os disfraces vencedores, atopáronse a orixinalidade, a posta en escena e o traballo artesanal requirido para a súa elaboración.

Desde o xurado recoñeceron que “foi moi difícil chegar a un veredicto”, xa que había moito nivel entre as propostas. Finalmente, as vencedoras da sección grupal foron Sargadelos made in Boqueixón, que obtiveron un primeiro premio en metálico de 250 €, e Os Marcianos, que polo seu segundo posto levaron 150 €. Xa na categoría individual, gañaron O Cosmonauta, que quedou en primeiro lugar (premiado con 100 €), e o Camera Spekaer 100% orixinal, cun segundo premio valorado en 50 €. Desde a organización amosaron a súa satisfacción pola alta participación neste concurso e agradeceron o esforzo realizado polas persoas participantes en encher a Festa da Filloíña de orixinalidade e frescura.

PrimeiroPremioIndividualConcursoDisfracesFilloiña

E para pechar esta completa xornada festiva, o Campo da Festa de Lestedo acolleu un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. O grupo fixo mover as cadeiras a crianzas e familiares ao ritmo da súa divertida música, nunha actuación na que non faltaron éxitos como Un soño é ou Esto báilase así!

Skip to content Click to listen highlighted text!