Saltar ao contido

Boqueixón presenta o programa da 41ª Festa da Filloa de Lestedo

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron esta mañá no CIFP Compostela o programa da 41ª edición da Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar en Boqueixón o domingo 18 de febreiro. Un acto no que estiveron acompañados polo xerente da Axencia de Turismo de Galicia, José Antonio Casas Calviño; o director do CFIP Compostela, Ramiro Esparís, e a actriz e presentadora María Mera.

O alcalde de Boqueixón agradeceu o traballo realizado tanto polos veciños e veciñas como pola Asociación Cultural da Filloa “para que esta festa culinaria se converta na terceira Festa de Interese Turístico Nacional na provincia da Coruña. Estamos convencidos de que cumpre con todos os requisitos esixidos”. Así mesmo, destacou o traballo dos veciños e veciñas de Lestedo,  “que lograron situar este pobo e esta parroquia como unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia”.

Un agradecemento ao que se sumou José Manuel Canabal, quen confirmou que “o Día Grande coincidirá coas eleccións autonómicas. Non é a primeira vez que sucede, polo que estamos convencidos de que ese domingo todos imos sacar tempo para ir votar e, de paso, achegarnos a degustar unhas filloas a Lestedo”. Así mesmo, confirmou que a sétima edición do Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla contará coa participación de máis de medio cento de xenerais e xeneralas e que “as máquinas filloeiras comezarán a traballar ás 8 da mañá, con capacidade para facer preto de 2.000 filloas cada hora, e ao seu carón haberá filloeiras e filloeiros preparando todo tipo de elaboracións: filloas á pedra, recheas, doces…”.

Programación paralela

A partir de hoxe, comezan intensas semanas de promoción da Festa da Filloa. Así, mañá venres 19 de xaneiro abrirase o prazo para participar na cuarta edición do Concurso Fotográfico “Filloarte”, onde calquera persoa poderá presentar ata dúas imaxes de elaboración de filloas, presentacións empratadas de filloas, creatividades en base ás filloas, etc. A única limitación é que non poden aparecer persoas identificables na imaxe. As propostas deben entregarse antes do 11 de febreiro no mail festadafilloadelestedo@gmail.com. As bases poden consultarse na web: www.festadafilloadelestedo.gal.

O vindeiro xoves 25 de xaneiro, a Festa da Filloa de Lestedo será presentada en FITUR, nun acto organizado en colaboración co GDR Terras de Compostela. E do 9 ao 13 de febreiro terán lugar as xa tradicionais “Xornadas gastronómicas da Filloa no centro comercial El Corte Inglés”, en cuxa cafetería haberá degustación gratuíta de filloas por cada consumición en horario de 13:00 a 16:30 horas.

O sábado 10 de febreiro terá lugar a segunda edición da “Festa da Filloíña”, que dará comezo ás 16:00 horas no campo da feira de Lestedo con xogos tradicionais e actuacións de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás 18:00 horas terá lugar o pregón infantil a cargo de alumnos e alumnas do CPI Antonio Orza Couto. Quince minutos despois chegarán os  Atranques de Xeneraliños da Ulla, que rematarán cunha degustación gratuíta de filloas para a rapazada participante no concurso de disfraces infantil. A xornada rematará cun concerto a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Finalmente, o mércores 14 de febreiro terá lugar unha “Escola Filloeira” no campo da feira de Lestedo, un filloacooking  para crianzas entre 10 e 18 anos. E o sábado 17 de febreiro, ese mesmo espazo acollerá a segunda edición do “Filloa Folk”, que este ano reunirá no campo da feira de Lestedo a Roibén (20:00 horas), Susana Seivane (21:00 horas) e A Requinta da Laxeira (22:30 horas).

41ª Festa da Filloa de Lestedo

Finalmente, o programa da 41 Festa da Filloa dará comezo ás 8:00 horas co acendido das máquinas filloeiras, con capacidade para elaborar preto de 2.000 filloas cada hora. A partir das 11:00 horas a música correrá a cargo de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás 12:00 horas terá lugar o VII Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla ata o campo da festa, onde ás 13:00 horas darán paso ao pregón de Javier Olleros, chef do Restaurante Culler de Pau, con dúas Estrelas Michelín. O acto será presentado pola actriz María Mera.

Ás 13:45 horas será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. Durante toda a xornada poderán degustarse diversos tipos de elaboracións de filloas: á pedra, recheas, salgadas, doces, da máquina filloeira… A sesión vermú correrá a cargo do Grupo Ibiza. E pola tarde, o grupo Origen e a orquestra París de Noia protagonizarán a verbena a partir das 18:00 horas.

Skip to content Click to listen highlighted text!