Saltar ao contido

Éxito do concurso fotográfico Filloarte, que repartiu 350 euros en premios

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo vén de dar por finalizado o concurso fotográfico Filloarte, que repartiu 350 euros en vales de compra en establecementos do Concello de Boqueixón. Unha iniciativa coa que se quixo poñer en valor a Festa da Filloa de Lestedo a través da Internet, dado que a situación epidemiolóxica non permitiu a celebración desta exaltación gastronómica.

Dende a organización amosaron a súa satisfacción pola excelente resposta do público ante esta iniciativa desenvolvida a través da fan page de Facebook da Festa da Filloa de Lestedo. Así, e segundo os datos estatísticos da páxina, o álbum fotográfico foi visto por preto de 95.000 persoas que realizaron máis de 3.000 interaccións durante o período de votacións –que se estendeu do 21 de febreiro, coincidindo co día da celebración da festa- ata o 7 de marzo.

O álbum fotográfico foi compartido máis de 250 veces, polo que a Filloa de Lestedo puido estar presente en diferentes recunchos da bisbarra e, incluso, doutro lado do charco, xa que unha das propostas remitidas a este certame fotográfico procedía de Bos Aires. Un éxito que levou a espallar o coñecemento sobre as distintas posibilidades gastronómicas que a Filloa de Lestedo pode ofrecer na cociña. De feito, foron numerosas e variadas as elaboracións propostas polas distintas persoas participantes: dende as tradicionais filloas con chourizo a pratos máis elaborados e vistosos nos que se combinaron diversas texturas e sabores.

Finalmente, as persoas gañadoras deste certame foron:

  • Primeiro premio: ‘Terra e Mar’ (Pastel de filloa e marisco), de Verónica Pardo López – con 2.861 gústame, 203 encánte e 3 impórtame

  • Segundo premio: ‘A faísca é arte’, da Familia Canabal Peón – con 2.340 gústame, 36 encántame e 1 impórtame

  • Terceiro premio: ‘Filloas que se comen cos ollos’, de Esteban Vieitez Carracedo – con 1.812 gústame, 273 encántame e 2 impórtame

Estas tres persoas gozarán de vales de compra en establecementos do Concello de Boqueixón. Así, a primeira clasificada contará con 200 euros para gastar, mentres que o segundo premio está valorado con 100 euros e o terceiro gañador poderá canxear 50 euros en vales de compra.

Skip to content Click to listen highlighted text!