Saltar ao contido

A Festa da Filloa de Lestedo conmemorou a edición de 2021 de xeito virtual

A Festa da Filloa de Lestedo non se puido celebrar como en anteriores ocasións debido á pandemia sanitaria. Porén, dende a Asociación Cultural da Festa da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, quixeron deixar conmemorar esta trixésimo oitava edición de xeito virtual.

Así, entre as actividades propostas, atópase a creación desta nova web. Nela ofrécese todo tipo de información sobre o nacemento e a evolución da Festa da Filloa de Lestedo ao longo destas case catro décadas. Unha celebración que ten como verdadeira protagonista á veciñanza de Lestedo, que traballa arreo para ofrecer unha exaltación gastronómica que xa se atopa como un referente no calendario festivo da comunidade galega.

Tamén se ofrece a receita da filloa tradicional de Lestedo, así como como detalles sobre os distintos cambios no seu proceso de elaboración co paso dos anos. A evolución da propia Festa da Filloa de Lestedo pódese comprobar na sección de galería onde se achegan escolmas de imaxes das distintas edicións desta celebración (dende as máis antigas ás máis recentes).

Ademais desta información, tamén se achegan detalles sobre os espazos de interese turístico que se poden visitar nesta parroquia boqueixanesa. Neste caso, non poden faltar as alusións ao Pico Sacro, ese monte sagrado envolto en lendas e que salienta por ser un dos mellores miradoiros da bisbarra. Como complemento a este percorrido obrigado, atópanse tamén o Centro de Interpretación do Pico Sacro ou outros lugares patrimonial e relixioso como as igrexas de Lestedo e de Lourdes.

Por outra banda, o propio día da XXXVIII Festa da Filloa de Lestedo estreouse un atranque virtual dos Xenerais da Ulla. Esta sesión foi protagonizada por dous integrantes da Familia Canabal, que compartiron as súas coplas nun vídeo chego de retranca e humor.

O programa virtual completouse coa estrea do álbum do concurso fotográfico Filloarte. Participaron máis de medio cento de persoas que achegaron as súas imaxes con distintas elaboracións da Filloa de Lestedo. Atópanse nesta compilación de fotografías receitas do máis orixinais e vistosas, ademais de fermosas estampas nas que a protagonista é o produto rei da parroquia.

Dende a Asociación Cultural da Festa da Filloa de Lestedo agardan que a situación epidemiolóxica poida favorecer a celebración da vindeira edición do 2022. Mentres chega ese momento, a nova web seguirase nutrindo de información e novas sobre as distintas actividades levadas a cabo pola organización desta cita gastronómica de referencia.

Skip to content Click to listen highlighted text!