Saltar ao contido

Aberta a participación no Concurso infantil de disfraces da Festa da Filloíña

A Festa da Filloíña regresa este ano cunha nova edición do Concurso infantil de disfraces, que se celebrará o 10 de febreiro ás 19.15 horas no Campo da Festa de Lestedo. O certame repartirá ata 500 € en premios e está aberto a crianzas de ata 16 anos (nados e nadas en 2008 e posteriores).

Desde a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo animan á poboación -boqueixonesa e foránea- a participar nesta actividade que o ano pasado rexistrou moi boa acollida. “Ademais, poderán gozar dunha completa xornada repleta de propostas culturais e de lecer para as crianzas”, indican desde a organización.

O Concurso infantil de disfraces establece dúas categorías: grupal e individual. As inscricións débense realizar a través da www.festadafilloadelestedo.gal antes do 9 de febreiro. Nesta mesma web, pódense consultar as bases de participación no concurso.

O xurado, que será designado pola organización do certame, valorará, entre outros aspectos, o traballo na confección do disfrace; a creatividade e orixinalidade da proposta, ou a posta en escena, simpatía e transmutación. Para cada unha das categorías establécense un primeiro e un segundo premio. No caso da categoría grupal, estarán valorados en 200 € e 150 €, respectivamente, e no da individual, serán de 100 € e 50 €.

Actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona

O Concurso infantil de disfraces inclúese dentro do amplo programa de actividades previsto para a Festa da Filloíña, que terá lugar o vindeiro sábado 10 de febreiro. As propostas comezarán ás 16.00 horas cunha sesión de xogos tradicionais, para despois continuar con actuacións musicais ás 17.00 horas. Participarán grupos da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Os Campiños de Sarandón e As Travesas de Codeso.

Ás 18.00 horas, o alumnado de 4º de Educación Primaria do CPI Antonio Orza Couto protagonizarán o pregón da festa. E ás 18.15 horas, ofreceranse os atranques dos Xeneraliños e das Xeneraliñas da Ulla.

Ao finalizar as coplas, haberá unha degustación de filloas doces para as crianzas participantes no Concurso de disfraces. Este desenvolverase de 19.15 a 20.00 horas. O fin de festa correrá a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

IV Concurso fotográfico Filloarte

Por outra banda, a Festa da Filloa de Lestedo tamén ten en marcha a cuarta edición do seu concurso fotográfico Filloarte. Neste caso, o certame está aberto a toda a cidadanía que queira participar.

As persoas interesadas deberán remitir antes do 11 de febreiro ás 23.59 horas un máximo de dúas fotografías coa Filloa de Lestedo como protagonista a festadafilloadelestedo@gmail.com. O e-mail deberá levar o asunto “Filloarte 2024” ou “Filloa de Lestedo 2024”. No propio correo, a persoa participante deberá achegar os seus datos de contacto (nome e apelidos -ou sobrenome- e teléfono de contacto), así como o título da/s fotografías.

Unha vez compiladas as imaxes, publicaranse o día 12 de febreiro nos perfís da Festa da Filloa de Lestedo en Facebook (www.facebook.com/filloaoficial/) e en Instagram (@festadafilloadelestedo) para iniciar o período de votacións do público. Este estenderase ata o 16 de febreiro ás 23.59 horas.

Establécense dúas categorías de premios: imaxes gañadoras da votación do público (a través dos Gústame en Facebook/Instagram) e imaxes gañadoras da votación do xurado (escollido pola organización e cuxo veredicto será inapelable). Os premios entregaranse o propio domingo 18 de febreiro (día grande da XLI Festa da Filloa) e constarán de dous primeiros premios, válidos por unha estancia dunha noite nunha cabana en Enoturismo María Manuela e dous segundos premios, equivalentes a unha cena no Restaurante O Balado de Boqueixón. Os devanditos premios poderanse canxear ao longo do presente 2024.

Skip to content Click to listen highlighted text!