Saltar ao contido

Corenta Xenerais da Ulla a cabalo participarán mañá domingo na XL Festa da Filloa de Lestedo

A Festa da Filloa de Lestedo, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrará mañá domingo 26 de febreiro a súa corenta edición. E para conmemorar esta cifra redonda, outra Festa de Interese Turístico Galego como son os Xenerais da Ulla farán un desfile especial no que tomarán parte corenta Xenerais a cabalo.

Un desfile que, na súa sexta edición, partirá ás 12:00 horas do pavillón municipal de Lestedo cara o restaurante Vía da Prata, onde ás 12:10 horas se xuntarán coa comitiva oficial e a partir das 12:25 horas continuarán xuntos polas rúas de Lestedo ata o campo da feira, onde ás 13:00 horas terá lugar o tradicional pregón da Festa da Filloa, onde este ano se homenaxeará ás catro festas da filloa máis antigas de Galicia. Unha vez rematado o acto, ás 14:20 horas terán lugar os tradicionais atranques de Xenerais, no propio campo da festa.

Programación da festa

A máquina filloeira da Asociación Cultural da Filloa acenderase ás 10:00 horas. Cunha capacidade para elaborar 800 unidades á hora, estará operativa durante toda a xornada. Este ano recuperaranse as degustacións de distintas elaboracións de filloa: recheas, salgadas, doces… e cunha novidade: filloas sen glute baseadas nas elaboracións feitas na tarde de onte venres polo chef José Manuel Mallón, nas que substituíu a fariña de trigo por outras fariñas de millo, arroz, garavanzo, castaña e trigo sarraceno.

Ás 11:00 horas, os grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio serán os encargados de dar por iniciada a XL Festa da Filloa de Lestedo, seguidos da parranda de Entroido ás 11:30 horas. Tras o mencionado VI Desfile de Xenerais da Ulla, ás 13:00 horas terá lugar o pregón da Festa, presentado pola actriz María Mera.

No acto tomarán parte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor; o deputado autonómico Ovido Rodeiro Tato; o deputado provincial Antonio Leira; o director xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta, Emilio José de la Iglesia; o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal; e representantes das asociacións e entidades da Filloa da Baña, Muimenta e Valongo, así como a alcaldesa de Sada, María Nogareda.

Mandís de honra

Tras os discursos oficiais, ás 13:30 horas terá lugar o pregón ofrecido por Manuel Costiña, prestixioso chef cunha estrela Michelín, que acto seguido recibirá un dos Mandís de Honra da Festa da Filloa de Lestedo. Canda el serán distinguidos Emilio José de la Iglesia e representantes das entidades responsables de organizar as festas da filloa máis senlleiras de Galicia. Ás 14:00 horas, terá lugar o acto de recoñecemento aos Xenerais e Xeneralas da Ulla, onde se imporá a condición de “Xeneral da Filloa 2023” a José Canabal Peón.

A música de Luz do Ilicinio e do Grupo Ibiza porán fin á xornada da mañá, mentres numerosas persoas desfrutan doutra das novidades deste ano: o Cocido da Filloa. Ás 18:00 horas, as orquestras París de Noia e Coleguitas porán o broche de ouro á XL Festa da Filloa de Lestedo.

Skip to content Click to listen highlighted text!