A Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón-A Coruña), celebrou a súa 43 edición (a segunda desde a súa declaración como evento de Interese Turístico Nacional) con récord de participación nunha xornada solleira chea de actividades culturais e gastronómicas. Desde primeira hora da mañá, as máquinas filloeiras traballan sen descanso na elaboración da sobremesa por excelencia do Entroido galego, repartíndose nesta xornada máis de 70.000 Filloas de Lestedo.
A cita, que congrega cada ano a decenas de miles de asistentes, integra na súa organización e desenvolvemento a máis 240 persoas desta localidade boqueixanesa. Filloas de Lestedo soas ou con recheos doces ou salgados e, mesmo, aptas para persoas con celiaquía integran as principais propostas gastronómicas desta celebración, que busca adaptarse a todos os públicos.
Os pratos mostran elaboracións máis coidadas, especialmente desde a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional. Como antesala, destacan case dúas semanas de actividades que buscan poñer en valor a versatilidade da Filloa de Lestedo na gastronomía a través de showcookings, catas maridaxe e talleres para todas as idades e gustos.
Posta en valor da tradición
A inauguración oficial da cita, presentada pola actriz María Mera, estivo presidida polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a deputada de Cultura -en representación do vicepresidente da Deputación da Coruña-, Natividad González; o presidente da Asociación da Filloa de Lestedo, Juan Silva, e o pregoeiro da XLIII edición, Emilio José de la Iglesia Lema, director xeral do Gabinete técnico da Presidencia da Xunta de Galicia. Acompañáronos autoridades autonómicas, provinciais, locais, militares e das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como representantes de diversas entidades. Entre eles destacaban os conselleiros de Presidencia, Diego Calvo; Educación, Román Rodríguez, e Cultura, José Campos, ou o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, José Alberto Pazos.
Nas súas intervencións, todas as autoridades destacaron o traballo desenvolvido pola poboación de Lestedo que desde hai 43 anos organiza unha exaltación gastronómica que mantén unha tradición trasladada de xeración en xeración e que non deixa de acumular éxitos. Entre os máis recentes, e tal como indicou o rexedor, “a venda de 5 millóns de cupóns da ONCE en toda España coa imaxe da Festa da Filloa mañá 23 de febreiro. Esta promoción dará a coñecer o noso municipio, a nosa parroquia e a nosa festa en todos os recunchos do país”, afirmou.
Novos Mandís de Honra
O presidente da Asociación da Filloa destacou tamén na súa intervención este fito, que supón un recoñecemento ao labor desenvolvido polo conxunto da cidadanía de Lestedo. Como agradecemento a ese altofalante que a venda de cupóns supón, ofreceuse unha Cata sensorial dirixida a integrantes de ONCE e tamén se entregou o Mandil de Honra da Festa ao director da Axencia en Santiago, José Antonio Riveiro.
Tamén entraron neste club o presidente da Xunta de Galicia; o conselleiro de Cultura; os presidentes das asociacións de festas de San Bieito de Sergude, José Manuel Santos, e das Carrozas de San Cidre, Alejandro Pena, ademais do propio pregoeiro. No seu discurso, Emilio José de la Iglesia Lema destacou o labor e a unión da veciñanza desta pequena parroquia boqueixanesa, así como as bondades dun produto cuxa elaboración se foi trasladando ás diferentes xeracións.
“A Filloa de Lestedo é moito máis que un prato; é un símbolo da nosa cultural e tradición”, afirmou o pregoeiro. Precisamente por iso, desde a Xunta de Galicia apostan por exaltacións gastronómicas como esta que se atopa entre as pouco máis dunha ducia de celebracións de Galicia declaradas Festas de Interese Turístico Nacional.
Atranques de Xenerais do Ulla
Outros dos momentos máis destacados da xornada grande da Festa da Filloa de Lestedo foron protagonizados polos Xenerais da Ulla, Entroido tradicional e singular declarado de Interese Turístico de Galicia. Ao redor de 40 xinetes e amazonas déronse cita en Lestedo para protagonizar a media mañá o IX Desfile Intermunicipal polas rúas de Lestedo.
O broche de ouro ao pregón puxérono os Atranques dos Xenerais da Ulla, protagonizados por seis parellas: Rebeca Rey e Noa Cernadas -como Correos-; Andrés Lareo e Iago da Torre; José Canabal e Aroa Pena; Gerardo Canabal e Aroa Estévez, e Olaia Canabal e María Mera. Nas súas coplas, cheas de retranca, non faltaron as alusións aos temas máis actuais nin tampouco ás típicas rivalidades existentes entre parroquias.
Fin de festa musical
A XLIII Festa da Filloa de Lestedo continuou o seu programa cunha nova edición do Cocido da Filloa, hermanado coa Feira do Cocido de Lalín -declarada Festa de Interese Turístico Internacional-. A esta cita acudiron máis de 350 comensais, esgotando todas as prazas dispoñibles días antes da celebración do evento.
Mentres tanto, miles de persoas aproveitaban para degustar no Campo da Festa as diferentes elaboracións con Filloas de Lestedo. Como acompañamento, a música non deixou de soar en todo o día nesta localidade: desde as actuacións das agrupacións tradicionais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, pasando pola estrea da sesión de tardeo a cargo da Charanga BB+ e Grupo Eivissa, ata chegar á gran verbena final. Esta conta con Grupo Orixe e a orquestra París de Noia, que xa se converteron en todo un clásico nesta celebración.
Deste xeito, poñerase o broche de ouro a dúas intensas semanas de propostas culturais, gastronómicas e de lecer. De feito, esta foi a edición na que se organizaron máis actividades que nunca, sendo varias as novidades incorporadas e que se esperan manter en próximos anos.
Toda a información sobre a Festa da Filloa de Lestedo pódese consultar na web www.festadafilloadelestedo.gal.